ESTREA
Carlos Oroza xa está en deuvedé
A voz do poeta forma parte dun audiolibro, presentado onte en Vigo e realizado en colaboración co artista Vilas Bugallo
- Autor: B. R. Sotelino
- Localidade: Vigo/a voz.
- Data15/12/2010
Non ten móbil, nin ordenador, nin televisión, nin microondas, nin falta que lle fai. Todo o que se enchufa sóbralle, pero nunca lle faltan palabras para facer poesía, e iso é o que lle importa ao poeta Carlos Oroza, que sempre insiste en que o que importa é o ritmo, non o verso.
Con todo, aínda que teña alerxia ás novas tecnoloxías, ao final Carlos Oroza xa está en deuvedé, o cal é unha boa noticia para os amantes da súa obra e para os que virán despois. El é un excelente lector dos seus propios textos, pero do seu traballo oral non se pode gozar máis que en contadas ocasións. Grazas ao soporte audiovisual, a súa voz xa se pode «gardar» nun andel e deixar que alague o espazo a pracer.
A tenencia de alcaldía do Concello de Vigo patrocina, a través da Concellaría de Cultura, esta iniciativa de interesante calado para a pervivencia do patrimonio oral, a través da edición dunha publicación que inclúe videopoemas de cuxa arquitectura escénica se encarga o artista vigués Carlos Vilas Bugallo, un autor que o coñece ben, xa que levan trece anos colaborando xuntos na tarefa de pór imaxe aos versos do xenial rapsoda de Viveiro que decidiu hai xa moitos anos ser vigués.
Poemas e música
Pai Musica publica este excepcional documento, de cuxa produción se encargou o ex-integrante Sinistro Total Segundo Grandío, no seu estudo Casa de Tolos, en Gondomar. «É o primeiro audiolibro de Carlos Oroza e o noso primeiro libro conxunto», explica Vilas.
A obra, titulada Preludio a Cabalum. Cabalum. Malú , presentouse onte no salón de actos do Museo de Arte Contemporáneo de Vigo. A publicación contén a gravación de dous poemas, Preludio a Cabalum e Malú , con imaxes da obra de Carlos Vilas Bugallo e senllas viaxes sonoras. O primeiro é unha composición de Natalia Soltan, Fantasía na Onda da Poesía para cuarteto de corda ; e o segundo, un fragmento do Adagietto da Quinta Sinfonía de Mahler, que conta tamén con arranxos de Soltan e interpreta o cuarteto de corda da violinista.
Xunto ao traballo audiovisual, o libro contén os poemas de Oroza Preludio a Cabalum , Cabalum e o seu soado Malú , e un epílogo a cargo do psiquiatra e membro do grupo folk Milladoiro, Antón Seoane, no que recorda que «poesía e tolemia son desvaríos que a mente xera como un mal necesario para abrir fiestras e escuridades».
No hay comentarios:
Publicar un comentario