viernes, 3 de diciembre de 2010

A música de África necesita das músicas do mundo


La Voz de Galicia
Data de hoxe: Venres 03 de decembro de 2010

Lecer & Cultura

CONCERTO 

Lokua Kanza: 

«A música de África necesita das músicas do mundo»

O artista congoleño actuará mañá en «Sons dá diversidade», en Santiago, onde presentará o seu sexto disco, «Nkolo»
Autor: Camilo Franco
Localidade: Santiago/a voz.
Data: 3/12/2010
 
A música de Lokua Kanza responde a todas as influencias que foi asumindo ao longo de seis discos. Kanza actuará mañá no Auditorio de Galicia, (21.00 horas) para presentar o seu último disco, Nkolo, e para facer un repaso de toda unha longa carreira que sumou influencias congoleñas, ruandesas, brasileiras e europeas nunha música que intenta vertebrarse entre a intensidade do ritmo e a melancolía da melodía.

-¿Como analiza a súa evolución nestes seis discos?
-Creo que nos meus primeiros discos nótase moito a mocidade e as influencias máis directas da música africana, da música da miña nai e a do meu pai. Despois, cos anos, fun incorporando outras músicas, creo que sen perder a raíz das outras. En toda esa evolución, nunca perdín o carácter de músico africano. Cheguei ao jazz e tamén sentín as súas influencias, pero nunca quixen ser americano. Sempre quixen seguir sendo africano.

-Fala do seu pai e da súa nai como primeiras influencias musicais.
-A miña nai era tutsi de Ruanda e o meu pai da etnia mongo, da República Democrática do Congo. Eu son congoleño, pero esas dúas influencias foron definitivas para min, porque a música da terra do meu pai é moi rítmica, con moita percusión, mentres que a música da terra da miña nai ten máis melodía. Esas dúas influencias eran boas para mesturar porque se complementan ben. Ese xeito de traballar e de mesturar creo que me influíu ao longo de toda a música que fago.

-¿Tamén ten influencias europeas?
-Eu vivo en Francia e en Brasil e estudei no conservatorio, así que creo que fun incorporando á miña música todas esas influencias, aínda que se me preguntan digo que fago música africana, porque tamén creo que a música africana é boa para ir aceptando as influencias das outras músicas. Hai cousas que a música europea ten e a africana non. E ao revés. O bo é buscar que se complementen.

-¿Entón tamén beberá da música brasileira?
-Evidente. A música brasileira é moi especial. Moi tola. Ten unha harmonía moi especial que creo que a fai moi diferente da música do resto do mundo. Logo, tamén ten un ambiente musical moi variado.

-¿Cre que a música africana está recoñecida no resto do mundo?
-África vive un bo momento musical. Hai moitos músicos polo mundo e hai recoñecemento para moitos deles, discos que se gravan e xente nos concertos. Hai moita xente facendo música en África e todo iso é bo. Pero tamén creo que toda cultura necesita doutras culturas e que a música de África necesita da música do resto do mundo. Esas combinacións son as que me parecen mellores para todas as músicas.
Confianza oline. Enlace a más información sobre el certificado © Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A.
Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (España)

Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649.

No hay comentarios: