O Merlo deixa esta información por se algún de vós está interesado en participar. Lede con atención porque paga a pena participar nalgún dos talleres!
O obradoiro musical Canta música! estréase esta semana dentro da programación de Bocaberta, a iniciativa coa que a Secretaría Xeral de Política Lingúística busca achegarlles o galego aos mozos e mozas dos 3 aos 18 anos.
O obradoiro, que bota man da cultura popular da terra, terá a súa primeira cita o sábado, ás 12:00 horas, no Centro Cívico do Ensanche de Santiago de Compostela. Ese mesmo día, o Pazo Emilia Pardo Bazán acollerá, ás 17:00 horas, a segunda función. O domingo é a quenda da Casa da Xuventude de Silleda, ás 18:00 horas.
Canta música! é unha iniciativa destinada a nenos e nenas de entre 5 e 7 anos levada a cabo por Olga Kirk e Pablo Díaz, educadores e persoas cunha ampla experiencia dentro do mundo da música tradicional. Empregando percusións como pandeiretas, castañolas ou cunchas para facer uns ritmos básicos, os nenos e nenas poderán achegarse á lingua galega a través da música, das adiviñas, dos trabalinguas e das rimas.
Para todas as idades
Bocaberta inclúe na súa programación para esta semana máis música. En clave de conto, o musical para mozos e mozas dos 5 aos 8 anos no que están implicados músicos e actores de prestixio, visitará Cambados o sábado. Mentres, os adolescentes terán a oportunidade de aprender como se fai música co ordenador e de asistir a un concerto acústico de The Homens coa actividade Detrás da canción, que parará en Lugo (venres), Verín (sábado) e Xinzo de Limia (domingo).
Tamén terán protagonismo nos próximos días os monicreques: Vive os contos, a función que pon en escena Títeres Cachirulo, estará en San Cristovo de Cea (venres), Cotobade e Soutomaior (nos dous casos o sábado); mentres que a maxia de Atrapado na torre pasará por Vilaboa o sábado. No ámbito do cómic levarase a cabo hoxe no IES Chano Piñeiro de Forcarei o obradoiro Ti creas historia, impartido por Anxo Fariña, que onte estivo na Neves. Finalmente, a xincana de A guerra das bruxas parará o venres e o sábado en Pontevedra.
Máis información nas redes sociais
Para máis información de horarios e localizacións, o programa conta cun boletín semanal, accesible desde o web
http://www.xunta.es linguagalega/bocaberta . Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).
http://www.xunta.es linguagalega/bocaberta . Ademais, co obxectivo de ligar as actividades ao público infantil e xuvenil ao que van dirixidas, puxéronse en funcionamento canles de Bocaberta nas principais redes sociais da internet (Facebook, Twitter e Tuenti).
Un percorrido por todos os concellos de Galicia
Bocaberta é un programa co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística levará a todos os concellos de Galicia, ata o próximo mes de maio, un total de 747 actividades, destinadas a fomentar o uso do galego entre os mozos e mozas entre 3 e 18 anos. A música pop, a maxia, a banda deseñada, os obradoiros de escrita e de oralidade ou as novas tecnoloxías centran as actividades de Bocaberta.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística desenvolve esta programación coa colaboración de 14 entidades, entre as que se atopan editoriais, discográficas, empresas de dinamización propiamente dita e artistas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario