Data de hoxe: Xoves 26 de maio de 2011
Lecer &Cultura
GAITAS O Premio Constantino Bellón volve ao Jofre
A edición do pasado ano suspendeuse no medio dunha intensa polémica.
- Autor: Ramón loureiro
- Localidade: Ferrol / a voz
- Data 26/5/2011
Era certo: non se perdeu para sempre o Premio Constantino Bellón, o máis prestixioso dos certames internacionais da gaita tradicional galega. O concurso cuxa final se celebra, o día de San Ramón, no ferrolán teatro Jofre. A edición do pasado ano, no medio dunha intensa polémica, acabou por suspenderse. Pero os organizadores -o Ateneo Ferrolán co apoio, entre outras institucións, do Concello- prometeron entón que o concurso volvería. E, en efecto, volveu. Así que o 31 de agosto, sobre o escenario do Jofre, volverá haber gaiteirios de ambas as beiras do Atlántico (a Galicia exterior está aquí moi presente) de novo.
O director do concurso, Víctor Fernández Gabeiras, que ademais é o presidente do xurado, presentou onte no Concello de Ferrol, xunto á concelleira de Cultura en funcións, Mercedes Carbajales, a vixésima edición do premio. Alí anunciou que na final participarán, como máximo, catorce gaiteiros. Dez deles optarán directamente ao Premio Bellón, seleccionados entre todos cantos remitan ao Ateneo as gravacións requiridas para ser admitido no certame; e os catro restantes, os da Galicia exterior, disputaranse o Premio Gaiteiro de Soutelo.
Paralelamente convócase o Concurso de Composición para Gaita Galega Solista. Un concurso cuxo obxectivo é galardoar «a mellor partitura escrita para gaita galega solista, acompañada ou non dun conxunto instrumental composto por un máximo de 40 instrumentos».
Onte en Ferrol presentouse, ademais, o disco que recolle as gravacións en directo das pezas interpretadas durante a disputa de final da anterior edición do Concurso de Gaita Galega Constantino Bellón.
No hay comentarios:
Publicar un comentario