Data de hoxe: Mércores 09 de febreiro de 2011
Lecer&Cultura
CONCERTISTA
Pablo Galdo: «Teño a sorte de tocar fóra de España»
Galdo converterase esta semana no primeiro pianista español que dea un concerto de piano na capital de Kuwait.
- Autor: Jorge Lamas
- Localidade: Vigo / a voz
- Data 9/2/2011
Pablo Galdo é profesor de piano no conservatorio vigués, pero tamén é un concertista de talla internacional que se converterá esta semana no primeiro pianista español que dea un concerto de piano na capital de Kuwait. E non é a primeira vez que acode ao golfo Pérsico. Fai un par de anos tocou o piano para o sultán de Omán.
-¿Como xurdiu esta xira tan exótica?
-Tan exótica é que me converterei no primeiro pianista español que vai tocar alí. Inaugurarei esta mesma semana a tempada da Sociedade Filarmónica Kuwaitiana. Esta actuación xurdiu porque eu toquei hai dous anos no sultanato de Omán, para o sultán, e aquel mesmo xerente que me contratou alí é o que me contrata agora para esta xira, que me levará a Kuwait, Arabia Saudita e, moi posiblemente, aos Emiratos Árabes Unidos.
-Coa experiencia da súa anterior visita a Omán, ¿que espera desta viaxe?
-Levo un repertorio no que destaca Franz Liszt, do que agora se celebra o bicentenario do seu nacemento, e tamén teño preparadas obras de diferentes compositores españois porque alí gusta moito a música española. A nosa música ten influencias árabes, como é o caso de Isaac Albéniz. Espero atoparme un público moi acolledor porque, a pesar de ser unha cultura moi afastada da nosa, a música é unha linguaxe universal.
-¿Como é a xira?
-Partín onte de Galicia e hoxe impartirei unha clase maxistral na Escola de Música de Kuwait. E mañá, xoves, será cando protagonice o concerto. Xa o sábado, 12 de febreiro, chegará o concerto programado en Arabia Saudita. Tamén estou pendente de que se confirme o concerto nos Emiratos Árabes Unidos.
-Países bálticos, golfo Pérsico, extremo Oriente... Está a consolidar unha carreira como concertista internacional.
-Si, teño a sorte de tocar fóra de España, algo que considero moi necesario e ao mesmo tempo enriquecedor. E seguen saíndo compromisos; de feito, o próximo día 27 de marzo tocarei na academia Frederic Chopin de Polonia e aproveitarei a viaxe para realizar unha xira por Polonia, a República Checa e Hungría. Gústame moito tocar nos países da Europa do Leste, son sociedades que me encantan.
1 comentario:
Estiven vendo a sua páxina (www.pablogaldo.com) e a verdade que ten unha traxectoria admirable este pianista a pesaren da sua xuventude. Esperemos que chegue moi lonxe.
Saúdos!
Publicar un comentario