lunes, 4 de abril de 2011


La Voz de Galicia
Data de hoxe: Luns 04 de abril de 2011

Lecer &Cultura

JAZZ 

Jan Garbarek: «O día que escoitei a Coltrane na radio, a miña vida cambiou»

A banda do músico noruegués abre hoxe o 16.º Ciclo de Jazz da Barrié
Autor: Pablo Carballo
Localidade: A Coruña
Data 2/4/2011
 
Jan Garbarek, ecléctico saxofonista noruegués, abre esta noite coa súa banda o 16.º Ciclo de Jazz da Fundación Barrié no Palacio da Ópera da Coruña (20.30 horas).

-¿A súa forma de tocar jazz é permeable a esas músicas do mundo que tanto lle interesan? 

-Bo, o que eu fago non é necesariamente jazz, no sentido habitual. Para min, jazz é Louis Armstrong, Duke Ellington e xente así. A música que fago sen dúbida está influenciada pola música folk e diferentes xéneros de todas partes. O mundo converteuse nun lugar pequeno e é fácil atoparse con músicas dos lugares máis sorprendentes. E todo nos afecta.

-É dicir, non representa a ortodoxia do jazz... 

-Poderíase dicir que non. Teño coñecementos de jazz, pero hai músicos que realmente o estudan a fondo e eu non son un deles. Eu probo cousas diferentes. Iso si, o que fago como improvisador sería imposible sen coñecementos de jazz. Nos sesenta tocaba o chamado freejazz (jazz libre), pero me dei conta de que non era realmente tan libre. Para que algo soe a freejazz ten que ter certas características, e se as ten significa que está limitado. Eu quería ter a suficiente liberdade para tocar algo sen eses límites e decidín seguir o meu propio camiño.

-¿Como instrumentista, por que se decidiu polo saxo? 

-Bo, cando era un rapaz os meus oídos non estaban moi abertos á música. Un día escoitei na radio a John Coltrane e foi unha absoluta revelación. Coltrane tocaba o saxo tenor e eu quixen tocar o saxo tenor. Aquilo cambiou a miña vida.

-Outra das súas referencias é Miles Davis. ¿Por que eran tan especiais estes músicos? 

-Coltrane era moi espiritual. Para min, e para moita xente, escoitarlle é escoitar algo moi profundo e emocionante. Miles é diferente, é algo máis estético e conceptual. O ritmo, a respiración... hai moitas leccións que aprender e moita inspiración que recoller del.

-¿Por que o jazz non adoita gozar de grandes éxitos comerciais? 

-É unha cuestión de definición. Hai uns anos, vin que nunha lista os tres primeiros discos eran de Norah Jones. Eu non o considero jazz, pero estaban no máis alto das listas de jazz. Os músicos de jazz de hoxe non están máis próximos a Louis Armstrong, por exemplo, que a un artista popular, un rapeiro ou o que sexa.

-¿E cal é a súa definición do jazz? 

-Para min, é máis ben unha época. A linguaxe básica do jazz creouse entre 1920 e 1960. Agora, ou ben permaneces dentro dese ámbito ou ben che saes del. E se che saes, xa é outra cousa. Se Norah Jones é jazz, entón é un xénero demasiado amplo.
jan garbarek saxofonista
Confianza oline. Enlace a más información sobre el certificado © Copyright LA VOZ DE GALICIA S.A.
Polígono de Sabón, Arteixo, A Coruña (España)

Inscrita no Rexistro Mercantil da Coruña no Tomo 2438 do Arquivo, Sección Xeral, aos folios 91 e seguintes, folla C-2141. CIF: A-15000649.

No hay comentarios: